Monday 06 de May de 2024

A Deputación da Coruña organiza o Festival Rosalía cunha xornada de actuacións e unha feira arredor da escritora


A inciativa desenvolverase este sábado 29 de febreiro coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e do Museo do Pobo Galego

A imaxe renovada de Rosalía como unha superheroína con capa e máscara preside o cartel do Festival Rosalía, unha feira de produtos rosalianos que terá lugar este sábado 29 de febreiro na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela. O Festival está organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e do Museo do Pobo Galego.

A iniciativa consiste nunha feira de produtos coa “marca Rosalía” na que participan oito empresas que fabrican ou comercializan camisolas, bixutería, sacas, libros… e que teñen a escritora como protagonista. O mercado rosalián instalarase na praza de Cervantes e estará aberto de 11.00 a 22.00 horas. Durante a xornada poderase participar tamén dun programa cultural que inclúe un pasarrúas rosaliano teatralizado a cargo dos Quinquilláns; un obradoiro de regueifa rosaliana; a interpretación de Caldo de Gloria da man de Rilo e Penadique; a representación no Museo do Pobo do Galego da obra de teatro Rosalía; a actuación de Marina Oural e Chefa Alonso co espectáculo Rosas Negras; e finalizará cunha mostra de regueifa rosaliana e o concerto de Tino Baz, co seu disco “Si cantan, es ti que cantas….”. Ademais, ao longo do día contaremos coa visita na feira de SuperRosalía.

Será unha xornada para “pór en valor a obra de Rosalía de Castro” como dixo o responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, na presentación do Festival que tivo lugar na libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Esta será a terceira edición deste festival, que nesta edición de 2020 “cambiou a data de celebración para axustalo ás datas do día de Rosalía”, cuxo aniversario se celebrou o luns 24 de febreiro.

Acompañando a Xurxo Couto, na rolda de presentación participaron tamén a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; e Manuel Roxo, da empresa Culturactiva, responsable da programación cultural.

Rosalía mira cara ao futuro

Pola súa parte, a concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, destacou o Festival como “un día moi feliz” e sinalou que “o legado de Rosalía vai máis alá do literario porque Rosalía deu voz ao galego e ás mulleres nun século moi complicado”.

O director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, fixo fincapé na relación de “veciñanza” que une o Museo e Rosalía e resaltou a necesidade de revisar a obra da autora e a súa actualidade, xa que é “unha obra para redefinirnos nós mesmas. O labor de Rosalía está cargado de sinais identitarios e o Museo tamén ofrece eses sinais”.

Manuel Roxo, de Culturactiva, foi o encargado de falar do programa e afirmou que a proposta cultural presentada quere amosar “unha Rosalía que mira cara ao futuro e afonda naquelas propostas que traballan nesta liña sobre a figura de Rosalía”.